Saturday 04 de May de 2024

San Sadurniño empeza a distribuír o Calendario 2023 protagonizado polas “Mulleres da Galicia máxica”


O Concello imprimiu 600 exemplares para a súa recollida gratuíta nas dependencias municipais e para repartilas polos establecementos do territorio

 

Tal e como estaba previsto, o Concello de San Sadurniño inicia ás portas das festas do Nadal o reparto dos calendarios que vén editando desde 2020 e que, nesta ocasión, están protagonizados polas mulleres que participaron na mostra fotográfica “Mulleres da Galicia máxica” promovida polas áreas de Cultura e Igualdade co gallo do Día Internacional da Muller Rural. Fíxose unha tirada de 600 exemplares que xa poden empezar a recollerse de balde nas oficinas municipais e na Casa da Cultura. Ademais, os calendarios tamén se distribuirán nos próximos días polos establecementos comerciais e hostaleiros do territorio.

A exposición “Mulleres da Galicia máxica” está composta por 17 instantáneas nas que saen 127 veciñas das sete parroquias. A mostra puido verse no local social de Naraío ata este pasado sábado e tralas festas continuará en Bardaos o seu itinerario polos locais sociais de San Sadurniño. Nela reivindícase “o orgullo de pertencer ao rural, ademais de transmitir unha mensaxe de liberdade e empoderamento feminino”, explica a concelleira de Cultura, Amparo Calvo.

Con este fío visual e temático, e para que a esencia do proxecto fotográfico “Mulleres da Galicia máxica” chegase a todas as casas de San Sadurniño, o Concello decidiu que algunhas das imaxes se trasladasen ao calendario 2023 que hoxe mesmo chegou da imprenta. Para deseñar a versión final escolléronse 13 imaxes de entre os varios centos que se tomaron para armar a exposición e, unha vez seleccionadas, volveron de novo ás súa protagonistas, xa que os pés de foto incluídos en cada páxina saíron dunha treboada de ideas que se lles propuxo a un grupo de participantes nos obradoiros de memoria activa e de ximnasia de mantemento, a maioría delas retratadas para a mostra.

“Xuntámonos con varias mulleres e fomos mostrándolles as fotos. A medida que ían pasando na pantalla pediámoslles que nos dixesen a primeira palabra que lles suxería cada imaxe. Fomos anotándoas todas e despois buscamos as definicións que aparecen no dicionario. Foi sorprendente descubrir a coincidencia deses significados con esa mensaxe de orgullo e empoderamento que nós quixemos reflectir tanto na exposición como agora no calendario”, explicaba hai unhas semanas a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, autora ademais de todas as imaxes.

Os exemplares do Calendario 2023 do Concello de San Sadurniño están dispoñibles no mostrador da Casa do Concello e no recibidor da Casa da Cultura. A partir da mañá martes tamén se poderán atopar na sala de espera do Centro Municipal de Empresas e nos establecementos hostaleiros e comerciais do territorio, ademais de ser un dos agasallos que se meterán nas cestas de produto que se van sortear dentro da campaña “Polo Nadal, consumo local”.